martes, 22 de decembro de 2020

Moi Bo Nadal!!

 Logo deste durísimo trimestre é unha alegría inmensa saber que conseguimos superalo ... e con creces.

Non podemos menos que rematar cunha grandísima felicitación por todo o traballo realizado e por un comportamento tan exemplar do alumnado, sempre coas máscaras, usando o xel e mantendo a distancia de seguridade, tan coidadosos e atentos coa saúde persoal ... e a do planeta.

Agora so cabe gozar dun máis que merecido descanso e dunhas moi felices festas na compaña dos máis achegados.

Moi, moi Bo Nadal!!

xoves, 3 de decembro de 2020

Día internacional das persoas con Discapacidade

 Hoxe, en moitos colexios, en moitas aulas, en moitos lugares recordamos as necesidades das persoas que nos acompañan. Houbo un tempo no que se falou de persoas con Discapacidade.

Tal vez sexa o momento de mellorar as nosas maneiras de falar. Que vos parece se dicimos ...

DI CAPACIDADE?

Si... Di Capacidade.

Todos e todas nós somos distintos e diversos ... e diversas son as nosas capacidades. 

Algúns teñen unha capacidade fantástica para ler e dramatizar, como a nosa compañeira Julia, que dende hoxe vai LER para aqueles nenos e nenas aos que lles costa máis, pero queren saber que din esas palabras que están nos libros e vivir as aventuras das súas personaxes. Así que vai facer "Audiolibros" cos libros da biblioteca.

Algúns compañeiros teñen unha capacidade extraordinaria no cálculo e van botarnos unha man e ensinarsos os seus "trucos" para facer as operacións tan ben e tan rápido sen usar lapis e papel.

Outros compañeiros teñen unha habilidade excelente para escalar por sillas, mesas, mobles, espaldeiras e igual acaban sendo campións de parkurt ...

Tamén temos nenas e nenos que escriben tan ben  e contan historias tan bonitas que desexamos escoitar as súas aventuras, escritos, ideas marabillosas...

Temos grandes científicas e científicos que nos ensinan a falar con propiedade, nos amosan experimentos incribles ou nos explican como é que tirar papeis pode acabar contaminando a atmosfera ...

Temos nenas e nenas que nos ensinan como superar os erros e aprender deles, como superar a frustración e pensar en positivo, que nos ensinan a ser máis felices e superarnos.


TODAS E TODOS SOMOS IMPORTANTES, IMPRESCINDIBLES, NECESARIOS.

Queremos que digades así:

DI CAPACIDADE



mércores, 25 de novembro de 2020

Día internacional contra a Violencia de xénero








 Como non podía ser doutro xeito, hoxe na clase recordamos que a Violencia de calquera tipo debe cesar e moi  especialmente a Vionencia de xénero que se da contra as mulleres. Recordamos algúns detalles do vídeo de "Maltrato sutil" que xa vimos o curso pasado e falamos de formas de maltrato que son apenas perceptibles e fan moito dano: o control, a imposición de un criterio, o desprezo, os insultos ... As obras plásticas dos rapaces e rapazas  de cuarto son moi clariñas e doadas de entender. "Non máis", "Non me pegues", "Non máis violencia" ...


Nós reivindicaremos a non violencia todos, todos os días!


domingo, 15 de novembro de 2020

Enfermidades, síntomas e tratamento

 Levamos uns días investigando sobre as enfermidades e hai unha que nos trae de cabeza. 

Como hai que coñecer ao inimigo para derrotalo, aquí temos información clave para derrotar ao Coronavirus, ou para non deixarnos invadir por el.

 



Novembro: Mes da Ciencia ...en galego!

 Para celebrar o mes da Ciencia en galego, invitámosvos a que fagades experimentos científicos na casa explicando en que consisten e os materiais que precisades para realizar o experimento. Iso si, debedes explicar o experimento en lingua galega.  Podedes deixarnos coa boca aberta, realmente abraiados, como ocorre con estes experimentos que nos presentan algúns dos nosos compañeiros:




martes, 10 de novembro de 2020

Preparamos o Magosto

 Certamente este ano non teremos a festa do Magosto. Pero estará presente esta celebración  no noso sentir. Así que a cor do outono, as follas, os ourizos e as castañas serán o centro de atención estes días. Tamén o serán os contos, as lendas, as historias, as adiviñas e os poemas que falan del e nolo recordan.

As follas


As receitas coas castañas


luns, 26 de outubro de 2020

Preparando o Samaín

 O Samaín está perto. 

Noutros anos xa andabades a preparar magníficas cabazas para adornar o colexio e as aulas.

 Desta volta non poderá ser. Pero si podedes seguir xogando coa imaxinación e preparar ambientacións incribles nas vosas casas decorando cabazas coa axuda das vosas nais e dos vosos pais. 

Aínda sen termos cabazas, podemos conseguir un ambiente de Samaín fantástico, como este que preparou a nosa compañeira, Noa:


E esta é a montaxe de Hugo: 

Ou as de Julia, con teas de reciclaxe:

Temos un montón ... 




sábado, 24 de outubro de 2020

Día das Bibliotecas escolares.

 Hoxe é o día das Bibliotecas escolares.

Non temos clase, pero si temos nas nosas casas os libros que collemos na biblioteca da escola e que nos achega a mundos marabillosos e inexplorados ou nos cede libros que nos axudan a coñecer e entender mellor este contorno que nos rodea. 

Así nolo contaron algúns dos compañeiros e compañeiras que quixeron compartir neste día o libro que colleron na biblioteca, e mesmo aproveitaron este día tan especial para visitar unha BIBLIOTECA. Este é so algún deles.











Medindo o horto

 Onte realizamos unha actividade ben complexa e complicada. Medir o horto!!! O caso é que primeiro cada un tiña que facer unha estimación do que podía medir, dándolle unha ollada á escala do plano, logo faríase a medición con pasos para que a estimación fose máis axustada (un metro sería un paso moi grande ou dous pasos pequenos) e por fin procederíamos a medir. Cada un provisto do seu metro, cada equipo do plano e a ficha de rexistro ... 

O problema empezou  no momento en que, no proceso da medición, se meteron polo medio tantas cousas interesantes!: bichiños (artrópodos, case todos), herbas molladas, hedras, rochas de distinto tipo e ... moitas outras cousas que deron moito para falar, tanto que non deu tempo a rematar a medición.

Cos datos recollidos, aprendemos unha chea de cousas: 

Matemáticas:

  •  Fixemos estimacións.
  • Descubrimos a importancia da precisión no traballo ao utilizarmos e colocar o metro.
  • Traballamos co plano e a escala.
  • Descubrimos paralelas.
  • Resolvemos problemas.

C da Natureza:

  • Descubrimos a inmensidade, a gran diversidade, de seres vivos que hai no ecosistema do horto: vexetais e animais.
  • Repasamos a función de relación:
    • Percibimos (os órganos dos sentidos ven, escoitan e tocan moitas cousas interesantes), procesamos a información (O cerebro dalle voltas a estas preguntas: que fago?, sigo medindo ou sigo explorando?, chamo aos amigos ou remato o traballo?)  e reaccionamos .... O certo é que a decisión que a maioría tomou foi a de explorar, co que o traballo quedou sen rematar e as consecuencias desa decisión  ...  pois iso!!!!

C Sociais:

  • Valoramos a necesidade do traballo en equipo para medir, recoller os datos e resolver problemas.
  • Valoramos a necesidade do respecto ás instalacións do centro e ao cumprimento de normas.
  • Observamos diferentes rochas: granito, arxila, cuarzo ...

Galego

  • Expresamos as nosas emocións, sentimentos, frustracións, espectativa .... 
  • Sabemos contar o que aconteceu e propoñer alternativas.

Conclusión.

  • Aprendemos moito e queda moito por aprender. 
  • A próxima vez farémolo moito mellor.










martes, 20 de outubro de 2020

Xogos de patio en tempos de Coronavirus

  Hoxe, na clase de 4ºB andivemos a pensar moitas maneiras de xogar e divertirnos no patio neste tempo de coronavirus, mantendoa distancia de 1,5m  mantendo as máscaras e divertíndonos moito. 

Nunha primeira chuvia de ideas xa saíron un montón de xogos.

    1. Tutti Frutti
    2. Palabras encadeadas
    3. Vexo-vexo
    4. Calicatúa
    5. Carreiras
    6. Xestos
    7. Escondite sen tocar
    8. Truquel
    9. Concurso de baile
    10. Números do 1 ao 20
    11. Debates?
    12. Saltando a raia
    13. Concurso de miradas
    14. Pumba
    15. Concurso de chiste
    16. Club da comedia
    17. Escondite inglés

Para empezar non está nada mal!!!!

Non deu tempo a falar das normas para xogar a todos, pero aquí tendes un libriño no que podedes ver algunhas:



xoves, 8 de outubro de 2020

Función de reprodución

 Cantas cousas queredes saber sobre a reprodución!!!!

Imos empezar tendo moi claras unhas nocións básicas. Repasámolas e aprendémolas ben. Este vídeo pode servirnos para recordar o máis importante. Logo podemos investigar e aprender moitas moitas, moitas cousas mási. Preparados?


luns, 14 de setembro de 2020

Puntuación dos escritos

Para que vós mesmos poidades avaliar e mellorar os vosos escritos, ao rematar de escribir o borrador ide comprobando se tivéchedes en conta os aspectos que se van valorar: Expresáchedes polo menos cinco ideas diferentes?, o escrito trata o tema que se vos pediu?, garda o formato que lle corresponde?, ten un mínimo de 10 liñas? ... Poderedes comprobalo vós mesmos! Ao clicar na imaxe poderedes acceder ao documento completo.

martes, 8 de setembro de 2020

Preparados para volver?

Se pinchades na seguinte imaxe podedes descubrir como será a volta ao cole este novo curso. 

Recorda sempre: 

luns, 7 de setembro de 2020

Benvidas benvidos

Benvidos e benvidas a esta nova aventura de aprender. Teremos algo máis de distancia física, pero de seguro que achegaremos lazos de relacións dentro da comunidade educativa que formamos os mestres, vós, raparigos e raparigas e as vosas familias que tanto vos apoian e axudan sempre.